Como podo acceder a información sobre anuncios das licitacións do sector público autonómico?
Na actualidade, o xeito máis sinxelo de atopar a información sobre as licitacións, é por internet, en concreto a través das “Plataformas de contratación” que recollen os perfís de contratante das distintas entidades do sector público.
Neles atopará información sobre aqueles procedementos aos que a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de Contratos do Sector Público (en adiante LCSP-2017) esixe dar publicidade que, no caso das administracións públicas, son todos agás os contratos menores do artigo 118 e os negociados sen publicidade do artigo 168.
Que é un perfil de contratante? que datos se publican no perfil?
Un perfil de contratante é un repositorio dinámico de información que dá conta da actividade contractual dos órganos de contratación das entidades do sector público. A el accedese por Internet, a través das plataformas de contratos ás que de seguido faremos referencia.
A súa finalidade é asegurar a transparencia e o acceso á información contractual do sector público. Con ese fin a LCSP-2017 esixe que a forma de acceso ao perfil de contratante de cada entidade se especifique nos seus pregos e nos anuncios de licitación (art. 63.1).
O ART. 63.2 da LCSP-2017 apunta que “o perfil de contratante poderá incluír calquera datos e informacións referentes á actividade contractual do órgano de contratación”:
- información de tipo xeral (datos de contacto, instrucións de contratación, modelos…)
- e, de cada contrato,:
- a memoria xustificativa
- o informe de insuficiencia de medios (nos contratos de servizos)
- a xustificación do procedemento (salvo ordinarios: abertos/restrinxido)
- os pregos de cláusulas administrativas particulares (PCAP) e de prescricións técnicas (PPT) ou documentos equivalentes
- a aprobación do expediente
- o obxecto detallado, duración, presuposto base de licitación e importe de adxudicación (incluído o IVE)
- os anuncios de información previa, anuncios de convocatoria, anuncios de adxudicación e de formalización / os anuncios de modificación de contratos (e a súa xustificación) / os anuncios de concurso de proxectos
- sinalaranse os medios de publicación do anuncio e ligazóns a esas publicacións
- publicaranse o nº e identidade dos/as licitadores/as participantes, actas das mesas ou resolucións, informe de valoración de criterios cuantificables por xuízos de valor de cada unha das ofertas e os informes sobre ofertas anormalmente baixas
- Publicarase a resolución de adxudicación do contrato e o contrato
- De se-lo caso, publicarase a decisión de non adxudicar o contrato ou de non celebralo, a desistencia do procedemento, a declaración de deserto ou os procedementos anulados
- publicarase a interposición de recursos e a eventual suspensión temporal dos contratos pola súa interposición
- e tamén a composición das Mesas de contratación (cargo), os membros do comité de expertos/as (cargo) ou os organismos técnicos especializados que valorarán as ofertas
Que son as plataformas de contratación?
Coa anterior lei, os perfís tiñan que estar visibles nas páxinas web de cada entidade, pero como a consulta de todas e cada unha das sedes electrónicas e webs de órganos de contratación dun territorio pode resultar unha busca lenta e desalentadora para licitadores/as e interesados/as, a Lei 9/2017 prevé que todos os perfís deben estar obrigatoriamente aloxados nunha plataforma de contratación que pode ser de ámbito autonómico ou estatal (art. 347).
A norma esixe que as plataformas autonómicas estean interconectadas coa Plataforma de contratación do sector público (de ámbito estatal). A plataforma galega -Contratos públicos de Galicia (CPG) – cumpre este requisito dende agosto de 2017 e polo tanto, os anuncios de licitación e datos publicados nela poderán verse tamén a través do buscador da Plataforma estatal (PLACSP).
IMPORTANTE: coa nova lei, é obrigatorio que todo o sector público estatal, autonómico ou local publique os anuncios das súas licitacións e a información obrigada en algunha das dúas plataformas xa que o art. 39. 2 sinala que, de non ser así, serán contratos nulos de pleno dereito. Como regra xeral excepciónanse os contratos menores e os procedementos negociados sen publicidade.
Que podo atopar en Contratos Públicos de Galicia (CPG)?
Ámbito
Operativa para as Consellerías da Xunta de Galicia dende abril de 2008, no ano 2010 -polo Decreto 3/2010, do 8 de xaneiro- ampliou o seu ámbito de actuación e configurouse como un portal con vocación de integrar todos os perfís do contratante do territorio de Galicia.
Segundo o artigo 6º do citado Decreto, a adhesión a CPG dos órganos de contratación das entidades do sector público da Xunta de Galicia é obrigatoria, e a dos órganos de contratación das entidades locais e demais entidades do sector público galego non autonómico terá carácter voluntario.
Actualmente pódese consultar a información de 309 perfís de órganos galegos, entre eles todos os órganos da Xunta de Galicia e do seu sector público-, e os de 209 entidades locais (datos de xuño 2018). A relación de entidades locais integrada en CPG a pode consultar na propia plataforma.
Contido
A fin de asegurar os principios de transparencia e igualdade, así como o acceso público e sen custo á información contractual, os órganos adheridos a CPG introducirán, no seu perfil do contratante, e respecto dos procedementos abertos, abertos simplificados e supersimplificados, restrinxidos, con negociación, diálogo competitiva e asociación para a innovación, toda a documentación contractual dispoñible, incluíndo en todo caso os pregos de cláusulas administrativas e de prescricións técnicas particulares e os proxectos das obras, así como o resto da información sinalada no artigo 63.3 LCSP-2017.
Os órganos de contratación poderán incluír nos pregos, en función da natureza e complexidade dos contratos, un prazo para que os licitadores poidan solicitar as aclaracións que estimen pertinentes sobre o seu contido, a través de medios electrónicos. As respostas, que deberán emitirse no prazo máximo sinalado no prego, terán carácter vinculante para os órganos de contratación e deberán facerse públicas no perfil do contratante e en Contratos públicos de Galicia (CPG) para garantir a igualdade e concorrencia no proceso de licitación.
A través de Contratos públicos de Galicia (CPG) ponse á disposición de licitadores e interesados un medio oficial para acceder a todas as informacións difundidas nos perfís de contratante das entidades do sector público adscritas:
- buscador de anuncios de licitación;
- publicación de adxudicacións e formalización de contratos;
- información dos diferentes estados dos procedementos publicados (en prazo de presentación de ofertas / pendente de adxudicar / adxudicado / formalizado /…);
- acceso aos perfís de contratante das entidades adheridas;
- información de contacto coas entidades e órganos de contratación (número de teléfono, fax, enderezo postal e conta de correo electrónico);
- servizo de avisos de publicación mediante o que os interesados poderán recibir gratuitamente no seu enderezo de correo electrónico avisos sobre novos procedementos publicados ou sobre a modificación ou cambio de estado dos xa publicados;
- e outros servizos vinculados aos procedementos de contratación.
En concreto, e atendendo ao procedemento que se utilice, a información básica de cada licitación conterá, ademais da xa citada do artigo 63 da LCSP-2017 será:
- Lugar de presentación de ofertas e data e hora límite de presentación (con información do horario de rexistro da entidade e das condicións do envío de proposicións por correo certificado).
- De ser o caso, indicarase tamén sobre o lugar, a data e a hora do actos de apertura de ofertas.
Na medida en que se vaia implantando a presentación telemática de ofertas, informarase tamén do acceso as páxinas dos sistemas de licitación electrónica das entidades.
Normativa reguladora de CPG
Garantía do momento da difusión da información
Tal e como esixe a LCSP-2017, Contratos públicos de Galicia (CPG) conta cun dispositivo informático que garante e acredita a data e hora de inicio de difusión da información contida e as alteracións ou cambios dos principais actos publicados (anuncios, adxudicacións e formalizacións).
O selado de tempo acredítase pola estampación dun selo de saída -con indicación do día e hora en que se publica a información-, que proporciona o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia actuando como terceiro certificador (selo REXEL).
Podemos ver este selo nas seguintes pantallas:
Información dos cambios dos datos publicados en CPG
CPG conta, ademais cun HISTÓRICO DE CAMBIOS, isto é, unha pestana de consulta dos cambios de información e documentos que se produciron no procedemento dende a súa publicación.
Conta CPG con algún sistema de subscrición para que me cheguen ao meu correo electrónico anuncios das licitacións que me interesan?
Si, conta cun servizo polo que pode recibir, gratuitamente, avisos sobre os novos procedementos que se publican en Contratos Públicos de Galicia.
Segundo os seus intereses profesionais poderá definir as súas preferencias de subscrición en atención a tipo de organismo, tipo de procedementos e/ou tipo de contratos.
Pode acceder a este servizo dende a mesma páxina de inicio do portal:
Ademais, para facilitarlle o acceso está dispoñible en Apple Store e Google Play a aplicación móbil de Contratos públicos de Galicia (CPG) para a súa descarga en móbiles e tabletas (versións IOS e Android).
Esta app permite consultar facilmente os últimos contratos publicados na plataforma galega, os contratos que están con prazo aberto de presentación de ofertas, publicacións por perfil, e, en cada contrato, terase acceso a toda a información dispoñible na versión web (www.contratosdegalicia.gal): pregos, lugar e data límite de presentación de ofertas, lugar e horarios de apertura de plicas, etc.
Tamén pode descargar a app dende o enlace que consta no portal público de CPG
Contratos de obras
De acordo co artigo 13 LCSP-2017, son contratos de obras aqueles que teñen por obxecto a execución dunha obra, illada ou conxuntamente coa redacción do proxecto, ou a realización dalgún dos traballos enumerados no Anexo I. Por “obra” entenderase o resultado dun conxunto de traballos de construción ou de enxeñería civil, destinado a cumprir en por si unha función económica ou técnica, que teña por obxecto un ben inmoble. Tamén se considerará obra a realización de traballos que modifiquen a forma ou substancia do terreo ou do seu voo, ou de mellora do medio físico ou natural.
*: o Anexo I sinala como actividades propias deste tipo de contrato a preparación de obras –demolicións, perforacións, sondaxes-, a construción xeral de inmobles e obras de enxeñería civil, a instalación de edificios e obras –instalación eléctrica, illamento térmico, acústico e antivibratorios, fontanería-, o acabado de edificios e obras, e o aluguer de equipo de construción ou demolición dotado de operario.
Contrato de servizos
O artigo 17 LCSP-2017 di que “son contratos de servizos aqueles cuxo obxecto son prestacións de facer consistentes no desenvolvemento dunha actividade ou dirixidas á obtención dun resultado distinto dunha obra ou unha subministración, incluíndo aqueles en que o adxudicatario se obrigue a executar o servizo de forma sucesiva e por prezo unitario.
Contrato de subministración
Segundo o artigo 16 LCSP-2017, son contratos de subministración os que teñen por obxecto a adquisición, ou o arrendamento financeiro, ou o arrendamento, con ou sen opción de compra, de produtos ou bens mobles.
En todo caso, consideraranse contratos de subministración os seguintes:
- Aqueles nos que o/a empresario/a se obriga a entregar unha pluralidade de bens de forma sucesiva e por prezo unitario sen que a contía total quede definida con exactitude ao tempo de celebrar o contrato por estar subordinadas as entregas ás necesidades do adquirente (un exemplo podería ser a subministración de xiringas para o Sergas).
Os que teñan por obxecto a adquisición e o arrendamento de equipos e sistemas de telecomunicacións ou para o tratamento da información, os seus dispositivos e programas, e a cesión do dereito de uso destes últimos (a excepción dos contratos de adquisición de programas de computador desenvolvidos a medida, que se considerarán contratos de servizos).
Por exemplo, sería contrato de subministración a adquisición dun programa de computador xenérico, como Windows ou Microsoft Office, pero sería un contrato de servizos a adquisición dun programa específico desenvolvido por unha empresa para un ente concreto.
- Os contratos de fabricación, polos que a cousa ou cousas que haxan de ser entregadas polo adxudicatario deban ser elaboradas con arranxo a características peculiares fixadas previamente pola entidade contratante, (aínda cando esta resulta obrigada a achegar, total ou parcialmente, os materiais precisos).
- Os contratos que teñen por obxecto a adquisición de enerxía primaria ou enerxía transformada.
Pola contra, non se considerarán contratos de subministracións os contratos relativos a propiedades incorporais (dereitos de autor, ou de patente) ou valores negociables (accións, letras de cambio, cheques, pagares …).
Contrato de concesión de servizo
De acordo co artigo 15 LCSP-2017, “o contrato de xestión de servizos públicos é aquel en cuxa virtude un ou varios poderes adxudicadores encomendan a título oneroso a unha ou varias persoas, naturais ou xurídicas, a xestión dun servizo cuxa prestación sexa da súa titularidade ou competencia, e cuxa contrapartida veña constituída ben polo dereito para explotar os servizos obxecto do contrato ou ben por dito dereito acompañado do de percibir un prezo”.
O dereito de explotación dos servizos, deberá implicar a transferencia ao concesionario dun risco operacional na explotación dos devanditos servizos, abarcando o risco de demanda ou o de subministración, ou ambos.
Considerase que o concesionario asume o risco operacional cando non estea garantido que, en condicións normais de funcionamento, o mesmo vaia recuperar os investimento realizados nin a cubrir os custos en que incorrese como consecuencia da explotación dos servizos.
Contrato de concesión de obra pública
Este contrato é, xeralmente, o utilizado para as grandes infraestruturas como exemplo, a construción dunha autoestrada por unha empresa privada a cambio do dereito para explotala durante un período longo de tempo.
O artigo 14 LCSP-2017 establece que a concesión de obras públicas é un contrato que ten por obxecto a realización polo concesionario dalgunhas das prestacións a que se refire o contrato de obras (incluídas as de restauración e reparación de construcións existentes, así como a conservación e mantemento dos elementos construídos), e no que a contraprestación a favor daquel consiste, ou ben unicamente no dereito para explotar a obra, ou ben no devandito dereito acompañado do de percibir un prezo.
O dereito de explotación das obras deberá implicar a transferencia ao concesionario dun risco operacional, a explotación das devanditas obras, abarcando o risco de demanda ou o de subministración, ou ambos.
Como se indicou anteriormente, considerase que o concesionario asume o risco operacional cando non estea garantido que, en condicións normais de funcionamento, o mesmo vaia recuperar os investimento realizados nin a cubrir os custos en que incorrese como consecuencia da explotación das obras.
Procedemento aberto
Este procedemento defínese como aquel en que todo/a empresario/a poderá presentar unha proposición, quedando excluída toda negociación dos termos do contrato cos licitadores.
O órgano competente para a valoración das proposicións será a chamada “mesa de contratación” que cualificará a documentación presentada e procederá á apertura e exame das proposicións (a oferta técnica e/ou económica, propiamente dita), formulando a correspondente proposta de adxudicación ao órgano de contratación, para que este, posteriormente, adxudique o contrato.
Este procedemento ven regulado nos artigos 156 a 159 da LCSP-2017.
Procedemento restrinxido
Neste procedemento só poderán presentar ofertas aqueles empresarios previamente seleccionados polo órgano de contratación en atención á súa solvencia.
- O órgano de contratación, con carácter previo ao anuncio da licitación, fixará os criterios obxectivos de solvencia con arranxo aos cales serán elixidos os candidatos que serán convidados a presentar ofertas.
- Ábrese un período de recepción das solicitudes de participación.
- O órgano de contratación, comprobada a personalidade e a solvencia dos solicitantes, seleccionará a un número de candidatos que garantan unha competencia efectiva (nunca menos de cinco) e convidaralles, simultaneamente e por escrito, a presentar as súas proposicións…
O procedemento restrinxido regulase nos artigos 160 a 165 da LCSP-2017.
Procedemento con negociación (con e sen publicidade previa)
A adxudicación, no procedemento con negociación, recaerá no licitador xustificadamente elixido polo órgano de contratación, tras consultar con distintos candidatos e negociar con eles as condicións económicas ou técnicas do contrato que se determinen no prego de cláusulas administrativas particulares.
Este procedemento, baseado na capacidade negociadora da administración, só poderá utilizarse en supostos taxados na propia lei (nos artigos 166 a 171).
Algúns deses supostos esixirán a previa publicación dun anuncio de licitación segundo as regras xerais da publicidade dos contratos (nos casos previstos no art. 169) e outros non. Neste último caso, nos que a publicidade non é esixible, convidarase a negociar a un mínimo de tres empresas capacitadas para a realización do obxecto contractual, sempre que iso sexa posible.
Diálogo competitivo
No diálogo competitivo, o órgano de contratación dirixe un diálogo cos candidatos seleccionados, previa solicitude dos mesmos, a fin de desenvolver unha ou varias solucións susceptibles de satisfacer as súas necesidades e que servirán de base para que os candidatos elixidos presenten unha oferta.
Utilízase en casos de contratos particularmente complexos, cando o órgano de contratación non se atopa obxectivamente capacitado para definir os medios técnicos aptos para satisfacer as súas necesidades ou obxectivos, ou para determinar a cobertura xurídica ou financeira dun proxecto.
Séguese o procedemento establecido para o procedemento restrinxido, coa excepción de que no caso de que se decida limitar o número de empresas ás que se convidará a tomar parte no diálogo, este non poderá ser inferior a tres.
O órgano de contratación proseguirá o diálogo ata que se atope en condicións de determinar, despois de comparalas, se é preciso, as solucións que poidan responder as súas necesidades.
Tras declarar pechado o diálogo e informar diso a todos os participantes, o órgano de contratación convidaralles a que presenten a súa oferta final, baseada na solución ou solucións presentadas e especificadas durante a fase de diálogo.
Regúlase nos artigos 172 a 176 da LCSP-2017.
Asociación para a innovación
Trátase dun novo procedemento para os casos en que resulte necesario realizar actividades de investigación e desenvolvemento de obras, servizos e produtos innovadores, para a súa posterior adquisición polo sector público.
Utilizaríase este procedemento nos supostos en que as solucións dispoñibles no mercado non satisfán ao órgano de contratación e debe innovarse unha solución axeitada a unha necesidade predefinida.
O procedemento ven regulado nos art. 177-182 da LCSP-2017.
Concurso de proxectos
Utilízanse para a obtención de planos ou proxectos no campo da arquitectura, urbanismo, enxeñaría e procesamento de datos, que seleccionará un xurado. Se así o prevén os pregos, poderase conceder pagos ou premios aos participantes ou gañadores (art. 183-187 LCSP-2017).
Unha vez seleccionado o proxecto gañador, o órgano de contratación poderá adxudicar un contrato de servizos mediante o procedemento con negociación sen publicidade, aos gañadores/as do concurso.
Contratos menores
Son aqueles que poderán adxudicarse directamente a calquera empresario/a con capacidade de obrar e que conte coa habilitación profesional necesaria para realizar a prestación.
Considéranse así os de importe inferior a 40.000 €, cando se trate de contratos de obras, ou a 15,000 €, cando se trate de contratos de subministración ou servizos. Non poden durar máis dun ano, sen posibilidade de prórroga.
Na nova lei esta figura contractual necesita a formación dun pequeno expediente no que se xustifique a necesidade da contratación e que non se está a fraccionar un contrato de mais importe para eludir as regras de publicidade. Tamén esixirá a aprobación do gasto e a incorporación ao mesmo da factura correspondente. No contrato de obras, ademais, deberá engadirse o orzamento das obras, sen prexuízo de que deba existir o correspondente proxecto cando as normas específicas así o requiran.
En resumo
Táboa resumo sobre a publicidade e a necesidade de invitación segundo os tipos de procedemento:
Procedemento |
Esixe publicidade previa en CPG? |
Necesidade de invitación? |
Particularidades |
Aberto |
SI |
NON |
Poderá participar nel todo/a empresario/a interesado na licitación, que será anunciada no Perfil do contratante, e no seu caso no DOUE ou no BOE ou DOG (non obrigatorio). |
Restrinxido |
SI |
SI |
Neste procedemento, as empresas interesadas van a solicitar ao órgano de contratación, participar na licitación. O órgano de contratación vai avalialas e a seleccionar ás máis solventes, ás que convidará a presentar a súa oferta. |
Negociación con publicidade |
SI |
NON |
Segundo o disposto no anuncio o órgano de contratación vai negociar as condicións do contrato cunha ou varias das empresas, antes de adxudicalo. Neste caso, o anuncio vaise publicar no Perfil do contratante. |
Negociación sen publicidade |
NON |
SI |
Neste procedemento vanse negociar as condicións do contrato, pero neste caso non se vai a dar publicidade á licitación e a entidade pública pode convidar ás empresas que considere, en función de criterios tales como a experiencia, a solvencia, etc. Salvo excepcións motivadas, o órgano de contratación debe convidar, polo menos, a tres empresas. |
Diálogo competitivo |
SI |
SI |
O órgano de contratación, vai negociar coas empresas non xa as condicións do contrato, senón o obxecto mesmo, posto que este procedemento utilízase cando se ten unha necesidade pero non se sabe a mellor maneira de atendela. As empresas que van propoñer ao órgano de contratación a mellor solución selecciónanse igual que no procedemento restrinxido a través de invitación a varias empresas seleccionadas de entre aquelas que o soliciten. |
Asociación para a innovación |
SI |
SI |
É similar ao procedemento restrinxido. |
Concurso de proxectos |
SI |
SI |
SI: no caso de limitar o nº de participantes consta de 2 fases: primeira o órgano selecciona, aplicando criterios obxectivos, aos participantes entre os candidatos que presentaran solicitude. Na segunda, invitará aos seleccionados para que presenten os proxectos. |
Contratos menores |
NON |
SI |
Os contratos menores identifícanse pola súa contía (aplícase soamente para o caso de contratos de obras por importe inferior a 40.000€ e de servizos e subministración por importe inferior a 15.000€) e duración (non poden ter unha duración superior a un ano). O prazo para a recepción de ofertas será o que razoablemente sexa necesario para preparar estas, atendida a complexidade do contrato. |
Cadro resumo das contías LCSP-2017 para CCAA e EELL (sen IVE)
Tipo |
Contrato menor art. 118 |
Aberto supersimplificado art. 159.6 |
Aberto simplificado art. 159 |
Aberto non harmonizado art. 156-158 |
Aberto Harmonizado art. 156-158 |
Obras |
<40.000,00€ |
<80.000,00€ |
≤2.000.000,00€ |
<5.548.000,00€ |
≥5.548.000,00€ |
Suministro |
<15.000,00€ |
<35.000,00€ |
≤100.000,00€ |
<221.000,00€ |
≥221.000,00€ |
Servizos |
<15.000,00€ |
<35.000,00€ |
≤100.000,00€ |
<221.000,00€ |
≥209.000,00€ ≥750.000,00€ servizos sociais e outros (anexo IV) |
Pregos de cláusulas administrativas particulares (PCAP)
Son os documentos mais importantes da licitación. Nestes documentos concrétanse todos os detalles específicos do contrato de que se trate e do procedemento e forma de adxudicación. Tamén os pactos e condicións definidores dos dereitos e obrigas das partes do contrato. A súa lectura é obrigada se vai acceder a unha licitación.
Estes son algúns dos contidos que atopará no PCAP:
- Os elementos do contrato. O obxecto, presuposto e prezo, prazo de execución, a capacidade e a solvencia que nos piden para poder ofertar, etc…
- A adxudicación do contrato. O procedemento, como e onde debemos presentar as ofertas, de que forma se vai seleccionar a empresa contratista e como se realizará a formalización do contrato.
- A execución do contrato. Como vai ser a execución, que obrigas laborais, sociais e económicas ten que cumprir a empresa contratista, seguros que nos esixen, que prazos e penalizacións haberá se non cumprimos adecuadamente o contrato, como será o pago do prezo, a propiedade dos traballos, a modificación e resolución do contrato, de se lo caso.
- As prerrogativas da Administración, Xurisdición e Recursos. Aquí defínese a xurisdición que se vai a aplicar no caso de non haber acordo entre as partes e como se deben cursar os recursos.
- Os diferentes anexos e modelos que debemos utilizar xunto a oferta.
Pode consultar a relación completa dos contidos, e os específicos segundo o tipo de contrato ao que se presente (obras, xestión de servizo público, subministración e/ou servizos) no Informe 35/08, do 25 de abril de 2008. «Recomendación da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa sobre contido básico dos pregos de cláusulas administrativas particulares comúns para todo tipo de contratos administrativos» e, en canto non se atope derrogado, no artigo 67 do Regulamento Xeral da Lei de contratos das administracións públicas (aprobado por Real Decreto 1098/2001).
Cando non é necesario elaborar pregos de cláusulas administrativas particulares?
O PCAP non será esixible no procedemento de dialogo competitivo ou acordo marco (art. 116.3 LCSP-2017), nos contratos menores (Art.118 LCSP-2017), e nos contratos tramitados polo procedemento de emerxencia (Art. 120 LCSP-2017). Ademais, nos contratos que se formalicen e executen no estranxeiro, o PCAP pode ser substituído polo propio clausulado do contrato (Disposición adicional primeira, 1.c. LCSP-2017).
Pregos de Prescricións Técnicas (PPT)
Nestes documentos concrétanse as prescricións técnicas particulares que han de rexer a realización da prestación e definen as súas calidades, definindo con detalle as características da obra, servizo ou subministro que necesita o sector público, así como aqueles aspectos de mellora que van poder valorarse nas ofertas.
O PPT conterá, polo menos, os seguintes extremos:
- Características técnicas que haxan de reunir os bens ou prestacións do contrato (débense utilizar termos de rendemento ou de funcionalidade, é dicir, en ningún caso pódense pedir marcas ou fabricacións determinadas).
- Prezo de cada unha das unidades en que se descompón o orzamento e número estimado das unidades para subministrar.
- No seu caso, requisitos, modalidades e características técnicas das variantes.
Como podo acceder aos pregos?
Pode acceder aos pregos das distintas licitacións en Contratos públicos de Galicia (CPG), no apartado “DOCUMENTOS”:
Quen pode contratar co sector público?
Poden contratar co sector publico as persoas naturais ou xurídicas, españolas ou estranxeiras que reúnan as seguintes condicións de aptitude:
- Capacidade para contratar
- Non atoparse incurso en circunstancia algunha determinante de prohibición ou incompatibilidade para contratar co sector público
- Que se posúa a solvencia técnica ou profesional, e económica e financeira requirida nos pregos
- Que se posúa a “clasificación do contratista”, cando proceda
- E, tamén cando proceda, cando se teña a habilitación empresarial ou profesional que sexa esixible para a realización da actividade ou prestación que constitúa o obxecto do contrato
Como se acredita a capacidade para contratar?
A capacidade de obrar dos/as empresarios/as que fosen persoas xurídicas acreditarase mediante a escritura (ou documento de constitución, estatutos ou o acto fundacional), nos que consten as normas polas que se regula a súa actividade. Eses documentos deberán estar debidamente inscritos no rexistro público que corresponda, segundo o tipo de persoa xurídica de que se trate.
Respecto ás persoas físicas, a capacidade de contratar é a aptitude legal para ser titular de dereitos e obrigas e a posibilidade xurídica de exercer os seus dereitos e cumprir coas súas obrigas. Acredítase coa presentación do NIF do/a licitador/a.
Cales son as prohibicións de contratar?
Pode consultar a lista no artigo 71 da LCSP-2017 pero sinalamos aquí:
Ser condenada mediante sentenza firme por delitos de:
- Terrorismo
- Constitución ou integración dunha organización ou grupo criminal
- Asociación ilícita
- Financiamento ilegal de partidos políticos
- Trata de seres humanos
- Corrupción nos negocios
- Tráfico de influencias
- Suborno
- Fraudes
- Delitos contra a Facenda pública e a seguridade social
- Delitos contra os dereitos dos/as traballadores/as
- Prevaricación
- Malversación
- Negociacións prohibidas ao funcionariado
- Branqueo de capitais
- Delitos relativos á ordenación do territorio e o urbanismo
- A protección do patrimonio histórico e o medio ambiente
- Pena de inhabilitación especial para o exercicio de profesión, oficio, industria ou comercio
Nestes casos a prohibición alcanzará ás persoas xurídicas declaradas penalmente responsables e a aquelas cuxos administradores ou representantes, o sexan de feito ou dereito, vixente o seu cargo ou representación e ata o seu cesamento, atopásense na situación mencionada neste apartado.
-
Ser sancionada con carácter firme por:
- Infracción grave en materia profesional que poña en dúbida a súa integridade, de disciplina de mercado, de falseamento da competencia, de integración laboral e de igualdade de oportunidades e non discriminación das persoas con discapacidade, ou de estranxeiría, de conformidade co establecido na normativa vixente.
- Infracción moi grave en materia ambiental, de conformidade co establecido na normativa vixente
- Infracción moi grave en materia laboral ou social, de acordo co establecido no TR da Lei sobre infraccións e sancións na orde social (RDL 5/2000, 4 agosto) e pola infracción grave prevista no art. 22.2 dese texto (non solicitar, en tempo e forma, a afiliación inicial ou o alta dos/as traballadores/as que ingresen ao seu servizo)
-
Solicitar a declaración de concurso voluntario, ser declarado insolvente en calquera procedemento ou estar declaradas en concurso, salvo que neste adquirise eficacia un convenio ou se teña iniciado un acordo extraxudicial de pagos, estar suxeitos a intervención xudicial ou ser inhabilitados conforme á Lei 22/2003, de 9 xullo, Concursal, sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na o sentenza de cualificación do concurso
-
Non acharse ao corrente no cumprimento das obrigacións tributarias ou de Seguridade Social impostas pola disposicións vixentes (considérase que as empresas se atopan ao corrente coas entidades recaudatorias cando as débedas están aprazadas, fraccionadas ou se acordou a súa suspensión con ocasión da impugnación de tales débedas).
-
Para as empresas de 50 ou máis traballadores/as non cumprir co requisito de que polo menos o 2% do seu persoal sexan traballadores/as con discapacidade, de conformidade co art. 42 do RDL 1/2013 polo que se aproba o TR da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, nas condicións que regulamentariamente se determinen.
-
Para as empresas de máis de 250 traballadores/as non cumprir coa obrigación de contar cun plan de igualdade conforme ao disposto no art. 45 da Lei orgánica 3/2007, 22 marzo para igualdade homes e mulleres.
-
Incorrer en falsidade ao efectuar a declaración responsable do art.140, ao facilitar os datos relativos á súa capacidade e solvencia, ou incumprir, cando lle sexa imputable, a obrigación de comunicar a información prevista no art. 82.4 (variacións nas circunstancias da empresa que poidan ocasionar unha revisión da clasificación) e no 343.1 (variacións nas circunstancias da empresa que poidan ocasionar unha revisión da información dos datos inscritos nos rexistros oficiais de licitadores).
-
Estar afectado por unha prohibición de contratar imposta en virtude de sanción administrativa firme, con arranxo ao previsto na Lei 38/2003, 17 novembro, Xeneral de subvencións ou na Lei 58/2003, 17 decembro, Xeral Tributaria (esta prohibición deixarase de aplicar cando o órgano contratante comprobe que a empresa cumpriu as súas obrigacións de pago ou celebrou un acordo vinculante con vistas ao pago das cantidades debes, incluídos, no seu caso, os intereses acumulados ou as multas impostas).
-
Estar incursa a persoa física ou os administradores da persoa xurídica nalgún dos supostos da Lei 3/2015, reguladora do exercicio do alto cargo da Administración Xeral do Estado ou as respectivas normas das CCAA, da Lei 53/1984, de incompatibilidades do persoal ao servizo das Administracións públicas ou tratarse de calquera dos cargos electivos regulados na Lei orgánica 5/1985, do réxime electoral xeneral.
A prohibición alcanza, entre outros, aos cónxuxes, persoas vinculadas con análoga relación de convivencia afectiva, ascendentes e descendentes, así como parentes en 2º por consanguinidade ou afinidade (avó, neto, irmán, cuñado), cando se produza conflito de intereses co titular do órgano contratante ou cos titulares dos órganos en que se delegou a facultade para contratar ou os que exerzan a substitución do primeiro.
-
Contratar a persoas respecto das que se publicou no BOE o incumprimento do art. 15.1 da Lei 3/2015, reguladora do exercicio do alto cargo da AGE ou CCAA, por pasar a prestar servizos en empresa ou sociedades privadas directamente relacionadas coas competencias do cargo desempeñado durante os 2 anos seguintes á data de cesamento no mesmo.
Tamén son circunstancias que impiden contratar as seguintes:
- Retirar indebidamente a proposición ou candidatura nun procedemento de adxudicación, ou imposibilitar a adxudicación do contrato ao seu favor por non aportar a documentación xustificativa requirida ao amparo do sinalado no art. 150.2, dentro do prazo establecido e mediando dolo, culpa ou neglixencia.
- Deixar de formalizar o contrato adxudicado ao seu favor, nos prazos previstos, por causa imputable ao adxudicatario.
- Incumprir as cláusulas que son esenciais do contrato, incluíndo as condicións especiais de execución, cando o devandito incumprimento fose definido nos pregos ou no contrato como infracción grave, concorrendo dolo, culpa ou neglixencia no/a empresario/a, e sempre que dese lugar á imposición de penalidades ou á indemnización de danos e prexuízos.
- Dar lugar, por causa da que fosen declarados culpables, á resolución firme de calquera contrato celebrado cunha entidade das previstas no art. 3.
A prohibicións para contratar afectarán tamén a aquelas empresas das que, por razón das persoas que as rexen ou doutras circunstancias, que poida presumirse que son continuación ou que derivan, por transformación, fusión ou sucesión, doutras empresas nas que concorresen aquelas.
Como se acredita a solvencia da miña empresa?
Trátase de demostrar a capacidade de executar o contrato. Para elo, os pregos ou as invitacións sinalarán una serie de requisitos que entenden mínimos para conseguir una execución óptima do mesmo. Estes requisitos atenden fundamentalmente á solvencia técnica ou profesional e mais á solvencia económica e financeira.
Os requisitos solicitados deberán acreditarse mediante a aportación dos certificados ou documentos que para cada caso se determinen polo órgano de contratación nos pregos, anuncios, invitacións ou, no seu defecto regulamentariamente.
Solvencia técnica ou profesional
Vai depender do tipo de contrato:
- Se se trata dun contrato de obras, a solvencia acreditase por un ou varios dos seguintes medios (Art. 88 LCSP-2017):
- Declaración cunha relación de obras dos últimos 5 anos*
- Declaración do persoal técnico ou organismos técnicos de que dispoñan para a execución das obras
- Títulos académicos e profesionais do/a empresario/a, dos/as directivos/as e sobre todo dos responsables das obras, sempre que non se avalíen como criterio de adxudicación
- Medidas de xestión medioambiental
- Declaración sobre a plantilla media anual
- Declaración sobre a maquinaria, material e equipo técnico para executar as obras.
- Se estamos ante un contrato de subministración (art. 89 LCSP-2017):
- Declaración cunha relación de subministración dos últimos 3 anos*
- Indicación dos técnicos ou unidades técnicas de que dispoñan para a execución do contrato, sobre todo dos responsables do control de calidade
- Descrición das instalacións técnicas, das medidas para garantir a calidade e dos medios de estudio e investigación da empresa
- Control efectuado pola entidade do sector público contratante ou, no seu nome, por un organismo oficial competente do Estado no que o/a empresario/a estea establecido. Este control versará sobre a capacidade de produción do/a empresario/a e, se fose necesario, sobre os medios de estudio e investigación con que conta, así como os medios dos que conta para o control de calidade
- Mostras, descricións, fotos dos produtos, certificados dos servizos oficiais do control de calidade
- …
- E ante un contrato de servizos (artigo 90 LCSP-2017):
- Declaración cunha relación de servizos dos últimos 3 anos*
- Indicación do persoal técnico ou das unidades técnicas, integradas ou non na empresa, participantes no contrato (especialmente as destinadas a control de calidade)
- Descrición das instalacións técnicas, das medidas empregadas para garantir a calidade, e dos medios de estudo e investigación da empresa
- Cando se trate de servizos ou traballos complexos, ou cando deban responder a un fin especial, un control efectuado pola entidade do sector público contratante ou, no seu nome, por un organismo oficial competente do Estado no que o/a empresario/a estea establecido. Este control versará sobre a capacidade técnica do/a empresario/a e, se fose necesario, sobre os medios de estudio e investigación con que conta, así como os medios dos que conta para o control de calidade
- As titulacións académicas e profesionais do/a empresario/a, dos/as directivos/as e sobre todo dos responsables do servizo
- Medidas de xestión medioambiental
- Declaración sobre a plantilla media anual
- Declaración sobre a maquinaria, material e equipo técnico para executar os traballos ou prestacións
- Indicación da parte que vai subcontratar
IMPORTANTE: nos contratos de obras con valor estimado inferior a 500.000 euros, e os contratos non harmonizados de servizos e subministración, as empresas de menos de 5 años de actividade estan exentas de presentar a acreditación de traballos executados nos últimos anos.
Solvencia económica e financeira (art. 87 LCSP-2017)
Esta solvencia acreditase por un ou varios dos seguintes medios a elección do órgano de contratación:
- Declaración do volume de negocios global ou específica ao ámbito da actividade obxecto do contrato por importe igual ou superior ao esixido na licitación (nos pregos, anuncios, invitacións ou regulamento), sen que exceda de 1,5 o valor estimado do contrato, salvo casos xustificados
- Seguro de indemnización por riscos profesionais por importe igual ou superior ao esixido na licitación (nos pregos, anuncios, invitacións ou regulamento)
- Patrimonio neto ou ratio entre activos e pasivos por importe igual ou superior ao esixido na licitación (nos pregos, anuncios, invitacións ou regulamento)
Integración da solvencia por medios externos (art. 75)
Pódese acreditar a solvencia por medios externos (os doutras empresas, por exemplo) sempre que demostremos que dispoñemos deles para a execución do contrato. Este é un aspecto que pode favorecer especialmente ás PEMES, pero sobre o que hai pouca experiencia. Por elo, se non está especificado nos pregos, recoméndase consultar co organismo contratante que documentación acreditaría en cada caso a disposición de ditos medios con suficiente solvencia.
Que é a clasificación do contratista? Como podo conseguila?
Trátase dun documento expedido polo Ministerio de Facenda que é obrigatorio para contratar coas Administracións Públicas a execución de contratos de obras cuxo valor estimado sexa igual ou superior a 500.000 euros.
O Ministerio de Facenda facilita a obtención da clasificación empresarial por medios telemáticos. Na páxina web da Xunta consultiva estatal pódese obter información sobre o proceso: Clasificación de empresas
Unha vez obtido ou documento acreditativo dá clasificación da súa empresa poderá presentarse ás licitacións que a esixan.
A miúdo poderá observar que se pide clasificación a licitacións de obras que non alcanzan os 500.000 € e mesmo nalgúns contratos de servizos. Isto é unha practica habitual que pretende simplificar a documentación a achegar ás licitacións á aquelas empresas que posúen o documento de clasificación do contratista. Non obstante isto non impide, en modo algún, a que se presenten empresas que non teñan ese documento e que poderán acreditar a súa solvencia doutras formas permitidas na documentación contractual e que se sinalarán nos pregos, anuncios, etc.
Que é un bastanteo de poder? Quen o fai?
É o documento no que se acredita a comprobación, por parte dos servizos xurídicos do sector público, de que as facultades ou poderes dunha ou varias persoas físicas son suficientes para actuar en nome e representación da súa empresa na realización de determinadas actuacións ante un organismo.
Quen realiza o bastanteo de poderes?
Para contratos convocados pola Xunta de Galicia ou calquera das súas entidades dependentes pode acudir aos asesores xurídicos das consellerías ou aos gabinetes xurídicos territoriais sitos en A Coruña (R/ Arzobispo Lago, 10 baixo-15004, A Coruña-981-182410), Lugo (Ronda da Muralla, 70-27071-Lugo. 982-294963), Ourense (Avda. da Habana, 79-32004-Ourense. 988-386988), Pontevedra (R/ Fernández Ladreda, 43-9º-36003-Pontevedra. 986805503), Santiago (San Caetano, s/n-15781-Santiago de Compostela. 981545876) e Vigo (Avda. Garcia Barbón, 51-36201-Vigo. 986814280). É conveniente pedir cita previa.
Que documentos se teñen que aportar?
Para realizar o bastanteo requírese aportar escritura orixinal ou copia lexitimada por notario do poder, onde resulten claros os datos de identificación, nome e DNI, do apoderado, así como as facultades que ostenta, debendo constar que dita escritura está inscrita no Rexistro Mercantil (salvo que se trate dun poder especial para un expediente de contratación específico). Tamén se aportará o NIF do apoderado (ou copia autenticada). Se non é apoderado/a, senón administrador/a único, a escritura onde conste tal circunstancia.
O bastanteo de poderes está suxeito á unha taxa xeneral da administración, regulada na Lei de Taxas, e as cotas están suxeitas a actualización anual cun importe para o ano 2018 de 6,00€.
Que son as garantías? Como debo presentalas?
É un dos medios que ten a Administración para asegurar o cumprimento da execución do contrato. Poden ser provisionais (a todos os que se presenten á licitación) ou definitivas (a dispoñer unicamente polo adxudicatario final).
No primeiro caso, coas garantías provisionais, poderase esixir aos candidatos ou licitadores, nunca mais do 3% do presuposto do contrato e esta garantía será devolta unha vez adxudicado o contrato (salvo que concorra algún incumprimento por parte do/a licitador/a).
No caso das garantías definitivas deberá aportala o adxudicatario e xeralmente ascenderá a o 5% do importe de adxudicación.
Poden presentarse en efectivo ou en valores de débeda pública, aval, contrato de seguro de caución e, en determinados casos, a través dunha retención do prezo.
Nos pregos de cláusulas terá cumprida información de cando se esixen esas garantías, do seu importe exacto e de como se constitúen e acreditan
Sobre as declaracións responsables: que é o DEUC?
As declaracións responsables son os documentos asinados polo/a empresario/a ou representante da empresa nos que declara, baixo a súa responsabilidade, que cumpre cos requisitos para licitar que sinala o prego de cláusulas administrativas e que dispón da documentación que así o acredita. En xeral, veñen referidos ás condicións para contratar (declaración de ser posuidor de solvencias, de non estar incurso en ningunha prohibición de contratar, etc). Tamén inclúen algunhas esixencias derivadas de normativa autonómica (por exemplo, ser coñecedor do Código ético da Xunta de Galicia, a obriga de relacionar o grupo de empresas ao que se pertence, etc).
Para facilitar o seu cumprimento xeralmente se inclúen como documento anexo aos pregos de contratación.
Un deses documentos que verá nalgúns pregos ten a súa orixe na contratación no ámbito da Unión Europea e denomínase Documento Europeo unitario de contratación (en adiante DEUC).
O DEUC no é mais que unha declaración formal que achegan os licitadores ou operadores económicos no momento da presentación das ofertas, en substitución dos certificados expedidos polas autoridades públicas ou por terceiros, e polo que se confirma que o operador económico en cuestión cumpre as condicións seguintes:
- Que non se atopa en ningunha das situacións de exclusión ou posible exclusión previstas na normativa de contratos (prohibicións de contratar)
- Que cumpre os criterios de selección pertinentes
A finalidade do DEUC é reducir as cargas administrativas dos poderes adxudicadores e operadores económicos na tramitación dos procesos de contratación, así como contribuír a unha maior simplificación dos procedementos mediante a substitución das diversas declaracións nacionais dos interesados por un formulario normalizado a nivel europeo, dispoñible nas diversas linguas oficiais.
Pode acceder á versión electrónica do documento no seguinte enlace: Documento europeo único de contratación (DEUC).
Pode obter respostas ás preguntas máis frecuentes sobre o DEUC, neste folleto de preguntas máis frecuentes.
O Rexistro de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia
O Rexistro Xeral de Contratistas da C.A. de Galicia créase en 1995 (substituíndo o Rexistro de contratistas de obras creado por Decreto de 1986) como un instrumento auxiliar da contratación administrativa que ten por obxecto:
- por unha banda, facilitar a concorrencia de licitadores evitando ás empresas a multiplicidade de documentacións análogas a presentar en cada licitación
- e, por outra, axilizar a tramitación dos procedementos de contratación pública, facilitando ás mesas de contratación a análise das documentacións presentadas
Os seus certificados acreditan, fronte a todos os órganos de contratación do sector público galego, e, salvo proba en contrario, as condicións de aptitude do/a empresario/a en canto á súa personalidade e capacidade de obrar, representación, habilitación profesional ou empresarial, solvencia económica e financeira, e clasificación, así como a concorrencia ou non concorrencia das prohibicións de contratar que deban constar no mesmo.
Ámbito de aplicación
inicialmente eran licitacións da administración autonómica, pero pronto empezaron a adherirse ao sistema numerosos concellos e iso incrementouse coa entrada en vigor da LCSP de 2017 (que eliminaba a posibilidade de ter rexistros de ámbito local) e polos sucesivos convenios de colaboración entre a AMTEGA e a FEGAMP que recollía, como un dos servizos prestados pola Comunidade Autónoma, un acceso telemático ao Rexistro autonómico para consulta das inscricións. Actualmente é recoñecido en todos os órganos de contratación de Galicia.
Sobre a forma de inscribirse no rexistro e a documentación que ten que achegar poderá obter información na páxina de inscrición no rexistro da Consellería de Facenda.
O Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público (ROLECSP)
O Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público é outro rexistro pero esta vez de ámbito estatal.
os/as empresarios/as poden inscribir nel os datos aos que se refire o articulo 339 da Lei, xa citados no rexistro galego.
O Rexistro ten carácter electrónico, e tanto as solicitudes de inscrición como a obtención de certificados tramítanse de modo telemático. Para darse de alta necesítase certificado electrónico: Acceso al registro SOLO con Certificado Electrónico
Na actualidade está en marcha un proceso de integración de ambos rexistros (autonómico e estatal) de maneira que a inscrición e actualización de datos sexa única para as empresas independentemente de que se faga a través dous órganos administrativos galegos ou nacionais. Ademais terá a vantaxe engadida de que as inscricións feitas no Rexistro autonómico terán un ámbito de eficacia nacional a efectos de acreditación dos datos rexistrados.
Lugar de presentación
Debido á entrada en vigor da Lei 9/2017, e mentras o sector público implanta sistemas de contratación electrónica, durante uns meses, convivirán a presentación das ofertas en papel, nalgúns procedementos e a electrónica noutros, como o supersimplificado.
En Contratos públicos de Galicia atopará, para cada licitación publicada, cumprida información do lugar de presentación dás ofertas, físico ou telemático, incluíndo, de selo caso, o horario do Rexistro da entidade e data e hora límite para a presentación da documentación requirida.
Prazo de presentación
O prazo de presentación da documentación requirida para presentarse a unha licitación está sinalado no anuncio ou prego de cláusulas administrativas particulares.
Non obstante, a titulo indicativo, os prazos xerais dependen do tipo de procedemento son os seguintes:
- Procedemento aberto
- Contratos a publicar no Diario oficial da Unión Europea (DOUE): prazo mínimo de presentación de 35 días dende o envío do anuncio á Comisión Europea. Este prazo pódense reducir en 5 días se o órgano de contratación acepta a presentación das ofertas por medios electrónicos (o prazo inicial se reduciría a 30 días), ademáis, no caso de que se fixera un anuncio previo o prazo pódese reducir 15 días máis
- Contratos non publicables no DOUE
- Se se trata dun contrato de obras e concesión de obras públicas e servizos: 26 días mínimo desde la publicación do anuncio
- Para o resto dos contratos: 15 días
- Procedemento aberto simplificado: o prazo de presentacións das proposicións non pode ser inferior a 20 días para as obras, nin de 15 días para o resto dos contratos
- Procedemento aberto supersimplificado: o prazo de presentacións das proposicións non pode ser inferior a 10 días hábiles, salvo compras correntes de bens dispoñibles no mercado caso no que se pode reducir a 5 días hábiles
Procedemento restrinxido: o prazo para a presentación de solicitudes de participación non pode ser inferior a 30 dende o envío do anuncio ao DOUE nin de 15 dias se non se ten que enviar anuncio ao DOUE.
Presentación de proposicións:
- Contratos a publicar no DOUE: mínimo de 30 días dende o envío da invitación. Este prazo pódese reducir nos seguintes casos:
- en 5 días se o órgano de contratación acepta a presentación das ofertas por medios electrónicos
- en 10 dias se xa se fixera un anuncio previo
- Contratos non publicables no DOUE: prazo non inferior a 10 días
- Procedemento con negociación:
- 15 días para os contratos que non teñen que ser publicados no DOUE
- 30 días para os contratos que deben ser publicados no DOUE
Outros datos de interese
Cando vexa cualificado un contrato como “URXENTE” debe saber que os prazos redúcense á metade.
Respecto aos procedementos de “EMERXENCIA” (catástrofes ou situacións de grave perigo) indicar que non teñen prazo porque requiren a actuación de forma inmediata.
Lembre que os prazos sinalados por días, en contratación, enténdense referidos a días naturais salvo cando se indique expresamente que só deben computarse os días hábiles
Presentación por correo certificado
Como se indicou anteriormente, agás nos “procedementos denominados abertos simplificados” e “abertos supersimplificados ou sumarios” (nos que a oferta só pode ser presentada no rexistro que se designe no prego ou no anuncio), no resto dos procedementos as ofertas poden ser tamén enviadas por correo dentro do prazo de admisión sinalado no preceptivo anuncio, na invitación ou no prego.
Se se pode presentar por correo, o/a empresario/a deberá xustificar a data de imposición do envío na oficina de Correos e anunciar ao órgano de contratación a remisión da oferta mediante télex, fax ou telegrama no mesmo día. Tamén poderá anunciarse por correo electrónico, aínda que neste último caso só si se admite no prego de cláusulas administrativas particulares.
O envío do anuncio por correo electrónico só será válido se existe constancia da transmisión e recepción, das súas datas e do contido íntegro das comunicacións e identifícase fidedignamente ao remitente e ao destinatario.
En Contratos públicos de Galicia (CPG) atopará sinalado horario límite de presentación de ofertas a máis do número de fax onde debe comunicar o depósito da documentación:
Proposicións dos/as interesados/as
Segundo o artigo 139 do LCSP-2017:
- As proposicións dos interesados deberán axustarse ao previsto no prego de cláusulas administrativas particulares, e a súa presentación supón a aceptación incondicionada polo/a empresario/a do contido da totalidade das devanditas cláusulas ou condicións, sen excepción ou reserva algunha.
- As proposicións serán secretas e arbitraranse os medios que garantan tal carácter ata o momento da licitación pública (é dicir, o momento da apertura das ofertas, que se realiza nun día, hora e lugar determinados).
- Cada licitador non poderá presentar máis dunha proposición, sen prexuízo do disposto sobre admisibilidade de variantes ou melloras e sobre presentación de novos prezos ou valores nunha poxa electrónica. Tampouco poderá subscribir ningunha proposta en unión temporal con outros se o fixo individualmente ou figurar en máis dunha unión temporal. A infracción destas normas dará lugar á non admisión de todas as propostas por el subscritas.
O artigo 140 LCSP-2017 establece que as proposicións (no procedemento aberto) e as solicitudes de participación (nos procedementos restrinxido de licitación con negociación, no diálogo competitivo e no de asociación para a innovación) deberán ir acompañadas dos seguintes documentos:
- Unha declaración responsable que se axustará ao formulario de documento europeo único de contratación (DEUC), que deberá estar asinada e coa correspondente identificación, na que o licitador poña de manifesto o seguinte:
- Que a sociedade está validamente constituída e que conforme ao seu obxecto social pode presentarse á licitación, así como que o asinante da declaración ostenta a debida representación para a presentación da proposición e daquela
- Que conta coa correspondente clasificación, no seu caso, ou que cumpre os requisitos de solvencia económica, financeira e técnica ou profesional esixidos
- Que non está incursa en prohibición de contratar
- A designación dunha dirección de correo electrónico en que efectuar as notificacións
- Se o/a empresario/a recorre á solvencia e medios doutras empresas de conformidade co artigo 75 da presente Lei, cada unha delas tamén deberá presentar unha declaración responsable na que figure a información pertinente para estes casos con arranxo ao formulario normalizado do documento europeo único de contratación a que se refire o artigo seguinte
- No caso de esixirse garantía provisional, achegarase o documento acreditativo da súa constitución.
- Nos supostos dunha unión temporal (UTE), achegarase unha declaración responsable por cada empresa participante na que figurará a información requirida nestes casos no formulario do documento europeo único de contratación a que se refire o artigo seguinte
Adicionalmente achegarase o compromiso de constituír a unión temporal por parte dos/as empresarios/as que sexan parte da mesma:
- As empresas estranxeiras, nos casos en que o contrato vaia a executarse en España, deberán achegar unha declaración de sometemento á xurisdición dos xulgados e tribunais españois de calquera orde, para todas as incidencias que de modo directo ou indirecto puidesen xurdir do contrato, con renuncia, no seu caso, ao foro xurisdicional estranxeiro que puidese corresponder ao licitante.
- No caso de preverse a división en lotes do obxecto do contrato, se os requisitos de solvencia económica e financeira ou técnica e profesional esixidos variasen dun lote a outro, achegarase unha declaración responsable por cada lote ou grupo de lotes ao que se apliquen os mesmos requisitos de solvencia.
Se o prego esixe a acreditación doutras circunstancias distintas das que comprende o formulario do documento europeo único de contratación a que se refire o artigo seguinte, deberá indicar a forma da súa acreditación.
O órgano ou a mesa de contratación poderán pedir aos candidatos ou licitadores que presenten a totalidade ou unha parte dos documentos xustificativos, cando consideren que existen dúbidas razoables sobre a vixencia ou fiabilidade da declaración, cando resulte necesario para o bo desenvolvemento do procedemento e, en todo caso, antes de adxudicar o contrato.
Cando o/a empresario/a estea inscrito no Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público, non estará obrigado a presentar os documentos xustificativos ou outra proba documental dos datos inscritos nel.
As circunstancias sobre á capacidade, solvencia e ausencia de prohibicións de contratar, deberán concorrer na data final de presentación de ofertas e subsistir no momento de perfección do contrato.
Que é unha "Oferta anormalmente baixa"?
As ofertas con valores anormais ou desproporcionados – antes coñecidas como “baixas temerarias”-, teñen como fin evitar os problemas causados por un eventual incumprimento na execución dun contrato cando se adxudica a unha proposición de difícil ou imposible cumprimento.
Aínda que poida pensarse que é preferible para o interese público que o poder adxudicador pague cando menos mellor, a regra do prezo máis baixo ten uns límites, por debaixo dos cales considerase un indicio de que a proposición non pode ser cumprida e que, polo tanto, deben tomarse precaucións antes de adxudicar.
Ao ser unha mera sospeita, o feito de que unha oferta inclúa valores anormais non implica a exclusión automática da licitación, senón a necesidade de conferir trámite de audiencia ao contratista para que xustifique a viabilidade económica da proposición, e de solicitar os asesoramentos técnicos que procedan. A decisión final sobre a xustificación de la viabilidade destas ofertas corresponde ao órgano de contratación, atendendo aos elementos da proposición e ás concretas circunstancias da empresa licitadora, e valorando as alegación do contratista e os informes técnicos emitidos.
Que é unha "Oferta economicamente máis vantaxosa"?
En canto á selección do adxudicatario, a LCSP-2017 sinala que, para a valoración das proposicións e a determinación da “mellor relación calidade-prezo” deberá atenderse, no só ao prezo, senón tamén a criterios directamente vinculados ao obxecto do contrato (a calidade, características sociais, medioambientais, o prazo de execución ou entrega da prestación, o custo de utilización, a rendibilidade, o valor técnico, as características estéticas ou funcionais, a dispoñibilidade e custo dos repostos, o mantemento, a asistencia técnica, o servizo postventa ou outros semellantes,…).
Cando só se utilice un criterio de adxudicación, este deberá estar relacionado cos custes, podendo ser o prezo ou un criterio baseado na rentabilidade, como o custe do ciclo de vida (art. 146).
Os criterios que han de servir de base para a adxudicación do contrato determinaranse polo órgano de contratación e detallaranse no anuncio ou nos pregos de cláusulas administrativas particulares.
Hai dous tipos de criterios de adxudicación:
- Os avaliables mediante fórmulas (de xeito automática), por exemplo o prezo, prazo, garantía,…
- Os non avaliables mediante fórmulas, é dicir que se avalían mediante un xuízo de valor.
Os primeiros teñen preponderancia respecto dos outros e a lei recomenda que se lles dea máis puntuación na adxudicación. Non obstante pode haber circunstancias que xustifiquen primar criterios de valor sobre os criterios calculados mediante fórmulas. Nese caso, cando nunha licitación que se siga por un procedemento aberto ou restrinxido atribúase aos criterios avaliables de forma automática (por aplicación de fórmulas) unha ponderación inferior á correspondente aos criterios cuxa cuantificación dependa dun xuízo de valor (como as características estéticas ou funcionais), deberá constituírse un comité que conte cun mínimo de tres membros, formado por expertos non integrados no órgano propoñente do contrato.
A avaliación das ofertas realizarase nesta orde:
- avaliaranse primeiro os criterios “subxectivos”, é dicir, os que deveñen dun xuízo de valor, non sometidos a fórmulas.
- en segundo lugar avaliaranse aqueles criterios para os que se consignou unha fórmula nos pregos (os chamados “criterios obxectivos”).
Que son as melloras?
As melloras son aportacións extras sobre a prestación que foron sinaladas no prego como susceptibles de ser presentadas para a valoración da oferta do/a licitador/a.
Por mellora entendese todo aquilo que perfecciona a prestación do contrato sen que veña esixido ou determinado nas prescricións que definen inicialmente o obxecto do contrato.
A valoración das melloras, no ámbito da contratación pública, nunca pode ser unha mera declaración de vontade de quen a realiza. Pola súa propia indeterminación, require unha precisa xustificación, medición e ponderación, que debe quedar reflectida na motivación do informe que serve de base á proposta de adxudicación.
De presentarse proposicións con melloras non previstas no prego non deben ser valoradas xa que suporía un incumprimento de igualdade de trato e non discriminación.
E, as variantes?
As variantes son propostas alternativas que incorporan solucións técnicas á prestación obxecto de licitación e se concretan nunha proposición alternativa e opcional para o órgano de contratación respecto da que se esixía no prego.
A súa presentación debe preverse nos pregos. De presentarse proposicións con variantes non previstas estaríamos ante a presentación de proposicións simultáneas ou alternativas polo que procedería o seu rexeitamento.
Requisitos para que se poidan admitir as melloras e as variantes
- Que se autoricen expresamente polo órgano de contratación
- Que garden relación co obxecto do contrato
- Que se mencionen no prego e nos anuncios
- Que detallen con precisión os requisitos mínimos e modalidades de presentación
- Que na licitación se establezan dous ou mais criterios de adxudicación
- Que no prego ou no anuncio se establezan os criterios de adxudicación das melloras e das variantes